Blog · Os Ancares, na lista de doce visitas imprescindibles para o 2024 da prestixiosa revista Condé Nast Traveler

Os Ancares, na lista de doce visitas imprescindibles para o 2024 da prestixiosa revista Condé Nast Traveler

No Xeodestino Ancares Terras de Burón estamos hoxe de dobre celebración porque Condé Nast Traveler, a prestixiosa revista internacional especializada en turismo de luxo e estilo de vida, incluíu aos Ancares e ao Camiño Primitivo dentro da súa relación dos 12 destinos máis recomendables para visitar en España e Portugal polos seus lectores durante o vindeiro ano 2024.

Os xornalistas especializados desta recoñecida publicación elaboran a finais de cada ano unha lista que dan en chamar “Best Places to go” (mellores lugares para ir) en función dos seus atractivos naturais, históricos, culturais e gastronómicos. Aseguran que é unha elección moi difícil pola infinita cantidade de xoias que se poden atopar na Península Ibérica para realizar unha escapada marabillosa.

Unha zona máxica 

No caso dos Ancares, desde Condé Nast Traveler destacan que lle permite aos viaxeiros “facer realidade o teu soño de conectar coa natureza e contigo mesmo nunha zona máxica e moi tranquila”. Valoran especialmente a fauna que se pode atopar nos Ancares, con “aguias, lobos e raposos, rapaces nocturnas e ata algún oso”, así como o ambiente que se pode respirar cheo de “aire puro, silencio, beleza, tempo, simplicidade e a mellor cociña caseira”, destacan.

No seu percorrido detéñense no val do río Ser, onde o cineasta Óliver Laxe traballa “nunha plataforma destinada a protexer e revivir o rural nos Ancares” rodeada dunha fantasía paisaxística e cultural onde o verán é clemente”, apuntan. Ao mesmo tempo salientan o traballo da súa asociación na rehabilitación de pallozas e o traballo coa Cooperativa A Carqueixa, “de tenreira suprema ecolóxica”. Nós só podemos engadir que invitamos a todos aqueles que nos visiten a gozar de A Despensa de Ancares-Terras de Burón para coñecer toda a rica gastronomía do territorio.

Finalmente, os especiales de CN Traveler fan un par de recomendacións especiais en canto a establecementos de aloxamento turístico se refire e destacan dos Ancares que “é unha zona da fermosa Galicia que non padeceu unha masificación turística nos últimos anos”, como si lle aconteceu a outros lugares, porque “non hai un número suficiente de camas para que isto suceda”, indican.

No tocante ao Camiño Primitivo, que parte de Oviedo e entra en Galicia e no noso Xeodestino a través do alto do Acebo, recorrendo os concellos de A Fonsagrada e Baleira, a revista céntrase na parte asturiana, pero esta comparte coa galega as “paisaxes espectaculares” das que fala a publicación se se toma a variante coñecida como dos Hospitais. Precisamente entre os hospitais destaca o paso xunto ás ruinas do Hospital de Montouto, na Fonsagrada, que fora fundado no século XIV para dar acubillo e asistencia aos peregrinos e que aínda funcionou ata mediados do pasado século.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

maranfallos
Xeodestino

Entroiro nos Ancares: cando a identidade se agocha para celebrar en comunidade

Nalgunhas zonas dos Ancares, o entroido chámase entroiro. E non é un detalle menor. O nome fala dunha...
foto_carbon_libro
Xeodestino

Aprender da montaña: educación ambiental para viaxar de maneira responsable

Cada 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data que nos convida a reflexionar...
pontedosmazos
Xeodestino

Vive Ancares Terras de Burón a través das experiencias de ecoturismo

Ser un destino ecoturista non significa só conservar a natureza, senón ofrecer experiencias que permitan comprendela, sentila e...
torre-doncos-mirador
Xeodestino

Sete miradoiros que te deslumbrarán

Déixate seducir polo Xeodestino Ancares Terras de Burón gozando das panorámicas que proporcionan os impresionantes miradoiros que temos esparexidos polo noso territorio. Hoxe...