O 12 de agosto de 2026 Galicia converterase nun dos lugares privilexiados do mundo para observar un dos fenómenos astronómicos máis espectaculares que existen: un eclipse solar total.
Durante uns minutos, a lúa cubrirá completamente o sol e o día transformarase nunha especie de solpor repentino. Un momento único que non volverá repetirse con estas condicións en España ata o ano 2180.
Dentro de Galicia, hai un lugar que destaca especialmente para vivir esta experiencia: o Xeodestino Ancares-Terras de Burón, un territorio de montaña onde a natureza, o silencio e a escuridade do ceo crean o escenario perfecto para observar o eclipse.
Ancares lucenses: un eclipse entre montañas
Situados no extremo oriental da provincia de Lugo, na fronteira con León, o xeodestino Ancares-Terras de Burón é unha das contornas naturais mellor conservadas de Galicia.
A escasa contaminación lumínica fai que este lugar sexa perfecto para observar o ceo nocturno. Non por casualidade, Os Ancares están recoñecidos como destino Starlight, un selo que distingue os territorios con mellor calidade de ceo para a observación astronómica.
Durante o eclipse de 2026, contemplar como o sol desaparece detrás das montañas mentres a escuridade cobre os vales será unha experiencia difícil de esquecer.
Ademais do espectáculo astronómico, o territorio ofrece unha paisaxe espectacular formada por bosques frondosos, vales profundos, monumentos históricos e pequenas aldeas tradicionais que conservan a esencia do rural galego.

Onde aloxarse nos Ancares para ver o eclipse
Se estás pensando en viaxar ata os Ancares para vivir o eclipse solar de 2026, é recomendable reservar aloxamento con bastante antelación. A zona conta con varios establecementos rurais que permiten gozar da natureza, da tranquilidade e dun ceo excepcional.
Estes son algúns dos lugares máis interesantes para hospedarse durante eses días.
Casa do Bico (Becerreá)
Casa do Bico é unha casa rural situada no lugar de Ferrañol, no concello de Becerreá. Trátase dunha antiga casa de labranza con máis de 150 anos de historia, que foi rehabilitada con gran coidado para converterse nun aloxamento acolledor en plena natureza.
Situada nunha ladeira de montaña e con vistas ao val de Torés, Casa do Bico é un lugar perfecto para descansar e desconectar. O pequeno núcleo de Ferrañol, formado por apenas sete casas, ofrece unha contorna tranquila onde o único son que rompe o silencio é o canto dos paxaros.
Contacto e reservas
www.casadobico.com
Tel. 633 861 078
Lugar de Ferrañol, nº 7 – Becerreá (Lugo)

As Cabanas de Ancares (Cervantes)
A máis de 1.200 metros de altitude, en plena serra dos Ancares, atópase As Cabanas de Ancares, un aloxamento turístico situado nun lugar realmente especial: Cabanas Antigas, unha pequena aldea recuperada entre bosques e montañas.
A súa propietaria, Jimena, rehabilitou varias construcións tradicionais para crear catro cabanas rurais que hoxe reciben visitantes durante todo o ano.
A paisaxe que rodea o aloxamento é un dos seus maiores atractivos: bosques frondosos, vales milenarios e panorámicas espectaculares, ideais para pasear, descansar e contemplar os impresionantes amenceres e solpores da montaña. As cabanas están completamente equipadas e adaptadas para diferentes tipos de visitantes.
Son espazos sinxelos e acolledores que invitan a parar, respirar aire puro e gozar da natureza. Durante o eclipse, este lugar ofrecerá unha contorna privilexiada para contemplar o ceo dos Ancares.
Contacto e reservas
www.cabanasancares.com
Tel. 646 436 486
Cabanas Antigas, s/n – Cervantes (Lugo)

Casa O’Crego (Cervantes)
Na pequena aldea de Vilaquinte, no val do río Ser, atópase Casa O’Crego, un aloxamento rural que recupera a arquitectura tradicional da serra.
O seu propietario, Rafa, dedicou dez anos de traballo a restaurar un conxunto de edificios que levaban máis de corenta anos abandonados, respectando sempre as técnicas e materiais propios da arquitectura ancaresa.
O establecemento aposta tamén por prácticas respectuosas co medio ambiente, como o uso de biomasa local para a calefacción ou sistemas de compostaxe para o mantemento do xardín.
Entre os servizos que ofrece destacan a biblioteca, comedor con almorzo buffet, opción de comidas e ceas, aparcamento gratuíto e a posibilidade de aloxarse con mascotas.
Contacto e reservas
www.ocrego.com
Tel. 982 161 771
Vilaquinte, 4 – Cervantes (Lugo)

Hotel Piornedo (Cervantes)
No corazón da aldea de Piornedo, unha das máis emblemáticas dos Ancares, atópase o Hotel Piornedo, un establecemento familiar con 22 habitacións e vistas espectaculares á serra.
Situado en plena Reserva da Biosfera, é un lugar ideal para quen desexa combinar a observación do eclipse cunha escapada de natureza.
A proximidade dos cumios máis altos da zona, como Cuíña, Mustallar ou Penalonga, converte o hotel nun punto de partida perfecto para facer rutas de sendeirismo e descubrir a paisaxe da montaña.
O hotel conta con piscina, wifi gratuíto, aparcamento, salón miradoiro e un restaurante que aposta polos produtos locais e de temporada. A súa cociña, recoñecida cun Solete da Guía Repsol, rende homenaxe á gastronomía tradicional da serra, con pratos sinxelos elaborados con materias primas de gran calidade.
Contacto e reservas
www.hotelpiornedo.com
Tel. 982 161 587
Piornedo – Cervantes (Lugo)




