Nalgunhas zonas dos Ancares, o entroido chámase entroiro. E non é un detalle menor. O nome fala dunha festa fondamente ligada ao territorio, á lingua e a un xeito de entender o mundo no que o colectivo, a burla e a transgresión teñen un papel central.
En lugares como Piornedo ou Navia de Suarna, o entroiro non xiraba arredor dunha figura concreta ou dun personaxe único, senón dunha idea compartida: desfigurar o corpo e a identidade para romper, por uns días, coa orde establecida.
Desaparecer para ser outro
O esencial do entroiro era que ninguén te recoñecera. Para iso valía todo o que houbera pola casa: roupa vella, trapos, pezas gastadas, os chamados milfos ou maranfaños. Homes vestíanse de mulleres e mulleres de homes, borrando as normas habituais e xogando coa confusión.
As caras cubríanse con caixas de cartón, panos, pañoletas ou caretas feitas a man. Pintábanse con ferruxe do cu das potas, engadíanse bigotes de la de ovella e, máis adiante, chegarían as caretas propiamente ditas. O corpo transformábase por completo: non eras ti, eras o entroiro.
Correr o entroiro polas aldeas
En Navia de Suarna, os fuliqueiros xuntábanse para ir correr o entroiro dentro dunha mesma parroquia, polas aldeas. Ían de casa en casa facendo festa, música e tamén algunhas falcatruadas, sempre dentro dese xogo colectivo que a comunidade entendía e aceptaba.
Levaban cestas co que se ía xuntando: filloas, comida, produtos que ofrecían nas casas. Ás veces, os propios disfrazados metían fíos ou facían pequenas trasnadas, porque o entroiro tamén era iso: invertir as regras, rir e provocar. Se alguén protestaba, había unha frase que o explicaba todo e o xustificaba todo: “que che pareza ben, que che pareza mal, estamos en vésperas de carnaval” (se se facía nas previas a estas datas e usábase a mesma para cando chegaba o día, eliminando o “vésperas” da frase). Esa expresión marcaba un tempo distinto, no que as normas se relaxaban e a comunidade aceptaba o exceso e o anonimato como parte da festa.
Piornedo e o lume do entroiro
En Piornedo, o entroiro conserva elementos moi singulares que o fan único. Aquí destaca o uso das fachas, semellantes aos fachóns, pero máis pequenas. Son varas longas forradas de palla que, pola noite, se acendían con lume.
Con elas, os maranfallos subían ata un lugar do monte onde xa había leña preparada. Alí facíase a fogueira e o lume convertíase no centro da celebración. As fogueiras colocábanse en lugares visibles e había certa competencia simbólica: todos querían que a súa fose a máis grande.


Despois do lume viña a cea compartida, cos produtos que lles daban aos maranfallos cando ían pedir ás casas, un momento de encontro e comunidade que pechaba a xornada.
Pedir, compartir, celebrar
Tanto en Piornedo como en Navia, durante o entroiro íase polas casas pedindo. Dábanlles cartos, ovos, chourizos… Non era pedir por necesidade, senón un xesto ritual, unha forma de reforzar os lazos entre veciñanza.
O entroiro era festa, pero tamén era relación, comunidade e pertenza. Un tempo no que todo o mundo participaba, dun xeito ou doutro, e no que a risa e a burla tiñan un papel fundamental (pintadas con tiza, rabos colgando das costas…).

Hoxe, lembrar e contar como se vivía o entroiro nos Ancares é tamén unha forma de coidar o patrimonio inmaterial dun territorio que segue moi vivo. Estas prácticas falan dun rural activo, creativo e cheo de significado, onde a festa non era espectáculo, senón parte da vida.
O entroiro nos Ancares non era só disfrazarse: era desaparecer para volver aparecer doutro xeito, xuntos, arredor do lume, da música e da comunidade.



