Blog · A Vía Romana XIX, un pedazo imprescindible da historia do territorio

A Vía Romana XIX, un pedazo imprescindible da historia do territorio

Foron múltiples e diversos os pobos que pasaron polo territorio do noso Xeodestino e se estableceron nel durante décadas e mesmo séculos. Pero non todos tiveron a mesma importancia nin deixaron a mesma pegada. Sen dúbida, entre eles seguramente os máis destacados foron os romanos, de quen se conservan aínda hoxe importantes vestixios nos Ancares e nas Terras de Burón.

Hoxe ímonos deter especialmente nun deles, a Vía Romana XIX do itinerario Antonino, unha calzada que servía para unir as tres capitais de convento da antiga provincia romana de Gallaecia. Trátase de Asturica Augusta (Astorga)Lucus Augusti (Lugo) e a cidade lusa de Bracara Augusta (Braga), pasando esta estrada tamén por Iria Flavia, en Padrón. Polo tanto, é unha vía que nun dos seus tramos máis destacados e mellor conservados atravesa o corazón do noso xeodestino, entrando no mesmo polo Comeal, no concello de Cervantes, e chegando á capital de provincia. Son uns 100 quilómetros dos que a maioría pertencen ao noso territorio, xa que tamén discorre polos concellos de Becerreá e Baralla.

Esta vía, xunto as outras que implementaron os romanos, foi imprescindible para a explotación comercial, así como para facilitar o control militar e a explotación mineira, no caso da número XIX. A pesar de que foi inaugurada no ano 11 d.c. logo dunha profunda reorganización do Emperador Augusto e era a máis longa do noroeste peninsular, cuns 500 quilómetros, aqueles vellos trazados romanos serviron de guía principal para moitas das obras de enxeñería civil da Galicia actual, como a rede de estradas, as vías de alta capacidade ou o ferrocarril.


A recuperación

O traballo de diferentes expertos e expertas, xunto á aparición de achados arqueolóxicos, permitiron que se recuperara o trazado que a Vía Romana XIX tiña polos Ancares, estando sinalado ademais con fitas de granito que van desde a fronteira coa provincia de León ata Lugo gracias ao proxecto Vías Atlánticas, que impulsaron diferentes administracións e que recibiu a axuda de fondos públicos europeos.

Son varios os colectivos que levan tempo intentando dar a coñecer esta vía e dinamizándoa a través de distintas iniciativas para que non se perdan as sinalizacións e siga sendo atractiva para a veciñanza e os visitantes. Por exemplo, a Agrupación Deportiva Bike Stop de Lugo realiza todos os anos unha ruta que cubre os 100 quilómetros desta antiga estrada romana pola provincia coa que buscan combinar un obxectivo deportivo e cultural, poñendo o foco nos valores históricos e culturais que atopan polo camiño e facéndolle unha chiscadela ao patrimonio que se concentra nesta ruta e nas súas proximidades.

Mentres, desde o Colectivo Patriminio dos Ancares e desde o IES de Becerreá ofrecen dúas opcións para percorrer esta antiga vía a pé, un xeito moi bo para coñecer a fondo todos os monumentos e vestixios que concentra. No caso dos primeiros, dividen os 100 quilómetros en cinco etapas. Uns 20 quilómetros por día adaptados aos camiñantes máis habituados a saír de ruta. A primeira discorre integramente polo concello de Cervantes e vai desde o Alto do Comeal, porta de entrada en Galicia, ata Doiras, cos restos do seu impoñente castelo.

A segunda tirada ten como lugar de chegada As Pontes de Gatín, no veciño concello de Becerreá, onde se cruza o río Navia a través da nomeada polos romanos como Ponte Neviae, estrutura na que se ergue un monolito cunha inscrición dos tempos de Carlos III. A terceira chega ata a suposta Timalino, en Baralla, un percorrido no que as obras de varias infraestruturas sacaron á luz moitos restos antigos da Vía Romana XIX.

A cuarta etapa xa deixa o noso Xeodestino para rematar en Tórdea, no concello de Castroverde, mentres que a quinta e última ten como lugar de chegada a cidade de Lugo. Sobre estas etapas e que se pode atopar en cada unha delas ofrecen abundante información no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares, publicación de referencia que recomendamos visitar para coñecer a fondo o patrimonio do noso territorio.

Finalmente, alumnos do IES de Becerreá levaron a cabo no ano 2018 un proxecto interdisciplinar sobre a Vía Romana XIX e o mundo romano-castrexo nos Ancares lugueses. No mesmo dividen os algo máis de 30 quilómetros desta calzada polos concellos de Cervantes e Becerreá en tres etapas, “para percorrer a pé, xantar e visitar con calma os lugares de interese”, apuntaban. A primeira vai desde O Comeal a O Fabal (14 km), a segunda comunica este último punto coas Pontes de Gatín (10 km) e a derradeira vai desde este enclave do concello de Becerreá ata O Cereixal (9 km). Desde o IES de Becerreá xa anticipaban no seu momento que “todo o percorrido é unha delicia, entre bosques, prados, camiños, corredoiras e aldeas”.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

WhatsApp-Image-2025-08-08-at-12.17.16-scaled
Xeodestino

Torés Escapado 2025: a memoria que revive

O vindeiro 9 de agosto, a pequena aldea de Torés, no concello das Nogais, volverá transformarse nun escenario...
Cabanas_de_Ancares3
Xeodestino

6 empresas da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que teñen certificado de ecoturismo

A Casa do Bico, Naviaventours, a Casa O’ Crego, Las Cabañas de Ancares, o Hotel Piornedo e Equusquera son as seis empresas que ofrecen os seus...
Eo-Xunta
Xeodestino

4 empresas da Reserva Río Eo, Oscos e Terras de Burón con certificado de ecoturismo

A Tirolina da Mina (A Pontenova), Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira), a Casona de Labrada (A Pontenova)...
foto-grupo
Xeodestino

A 1ª Andaina Xubileo Ancares celebrouse entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla

A 1ª Andaina Xubileo Ancares, celebrada o pasado domingo 9 de febreiro, foi un auténtico éxito de participación e ambiente. Ducias...